Josep M. Aragay Borràs
Basket Beat é unha metodoloxía que utiliza a pelota de baloncesto, o corpo e o xogo para acceder a experiencias artísticas de calidade e adestrar habilidades para a vida cunha mirada crítica de transformación social.
Nesta maridaxe (arte + transformación) reside a innovación do proxecto. Trátase —inseparablemente— de: a) promover a participación física, intelectual e social na vida cultural desde o convencemento e a confianza de que todos temos a capacidade de formar parte e crear a cultura actual (Holden, 2008); e b) xerar cambios significativos, especialmente os que se refiren á mellora da calidade de vida e do pensamento crítico, nos individuos, grupos, comunidades e sociedade.
O proxecto conta xa con sete anos de experiencia nos que cada día xeramos máis contidos nos ámbitos da educación, a acción social e a arte.
Do mesmo xeito que fai a investigación-acción participativa, avanzamos e pensamos no que pasa para seguir facendo. Neste sentido, o noso éxito consiste en estar en contacto coa realidade social do noso país. E é que cada semana, en organizacións e estruturas tan diversas como colexios, institutos, cárceres, prazas, residencias, universidades ou entidades do terceiro sector (tamén de fóra de Cataluña), acompañamos a máis dun cento de persoas que forman parte diso que o Estado de Benestar chama “colectivos en risco”.